28 noviembre 2008

Frases célebres made in Galicia

"Alguén podería pensar que na Galicia recente, e no tocante aos gobernantes autonómicos, estamos orfos de frases históricas, de brillantes máximas e de lemas engaiolantes. Pois non. Non hai peor xordo que o que non quere oír. Pola contra, é difícil atopar mundo adiante unha ágora semellante capacidade locutora e densidade semiótica. As inventivas dos homes de Estado na España da transición son fugaces muxicas en comparanza cos relampos dialécticos dos nosos Ciceróns. Vexamos tres exemplos: "Podo prometer e prometo" (Adolfo Suárez), "Vivimos no mellor dos mundos posíbeis" (Felípe González) e "España vai ben" (Aznar). Pólvora mollada, merengue ególatra, se as apoñemos á enxebreza universal do "Aquí pasou o que pasou" de Manuel Iglesias Corral. Iso é todo unha biblia! O día en que os asesores de imaxe lla calcen así a Bush entón si que chegou a fin da historia. Xa o estou a ver na ONU despois da Apocalipse: "Aquí, machiños, pasou o que pasou". Do mesmo extraordinario xorne é aquela "Gañar gañamos, pero non sabemos quen", do mestre Pío Cabanillas. Ou esa marabilla futurista de Fernández Albor: "Ti estate por aí que xe te chamarei". Agora ben, que frase de frases, que estralo dialéctico, onde van parar Gandhi, e Churchill e Kennedy, e todos os ditos e todos os persoeiros da historia, cando oímos a Fraga aquel inverno o "Se non foras muller, dábache dúas hos..."
Unha espía no reino de Galicia, Manuel O'Rivas (2004)

1 comentario:

Anónimo dijo...

Dont touch WIKILEAKS, faked DEMOCRACY!!!
Hope for no silence